Curiosidades históricas: el solsticio de verano — Omnivoraz

Curiosidades históricas: o solsticio de verán

Un artigo sobre as raíces da noite máis máxica do ano.

O solsticio de verán era o momento máis transcendental do calendario para moitas das culturas antigas e, sen dúbida, é a noite máis máxica do ano para a nosa. A actual celebración do San Xoán non deixa de ser un conxunto de lendas e ritos dos nosos devanceiros —en gran parte esquecidos—, pero cales son as súas verdadeiras raíces? Neste artigo contámosvos de onde provén este festexo e por que sobreviviu ata hoxe.

Explicado cientificamente, o solsticio de verán é o intre exacto no que se produce o cambio de estación —de primavera a verán— e, con el, a noite máis curta do ano no hemisferio boreal e a máis longa no austral. Isto sucede variablemente entre o 20 e o 22 de xuño e, a partir dese momento, na metade norte da esfera terrestre as horas nocturnas empezan a crecer e as diúrnas a decrecer. Non obstante, as temperaturas aumentan nesta parte do planeta, na que o Sol se percibe máis próximo á Terra debido ao ángulo co que inciden sobre ela a súa luz e a súa calor ou, dito doutro xeito, o astro rei alcanza o seu cénit no hemisferio norte durante este solsticio. A ciencia demostrou, non descubriu, todos estes datos, xa coñecidos —á súa maneira— por distintas culturas desde hai milenios.

Curiosidades históricas: el solsticio de verano — Omnivoraz

Co descubrimento da agricultura, o que era un rito de adoración mutou nunha cerimonia na que se lle pedía ao Sol que non se apagase completamente.

O solsticio de verán comezou a ser venerado na Prehistoria. Para os Homo sapiens, e quizais os seus antecesores ou os nosos parentes próximos, como os neandertais, a noite estaba chea de perigos que axexaban na escuridade, por iso unha de curta duración era adorada. Co descubrimento da agricultura, o que era un rito de adoración mutou nunha cerimonia na que se lle pedía ao Sol que non se apagase completamente, pois, sen coñecer os motivos reais, aqueles primeiros agricultores sabían que a partir daquel momento as noites se farían máis longas e os días máis curtos. Pero a agricultura estendeuse, domesticáronse máis plantas e empezáronse a realizar ciclos de cultivo de inverno e de verán.

A estruturación dos cultivos por tempadas trouxo consigo a necesidade de saber cando se debía sementar e cando colleitar, o que impulsou a aquelas civilizacións a establecer datas límite. Así, na transición da Prehistoria á Historia —nacemento da escritura— tamén se comezou a medir o tempo. Posto que o solsticio de verán marcaba o momento no que todos os cultivos de inverno debían ter sido recollidos e os de verán debían estar sementados, a cerimonia de celebración deste intre máxico adquiriu tamén a dualidade de ser agradecemento ao Sol polas boas colleitas e petición de fortaleza e produtividade para as seguintes sementeiras. A partir de aí, coa intención de lle axudar ao Sol, que nesta época entra en fase descendente, xorde a idea de acender cacharelas durante o solsticio de verán —posiblemente no culto a Zoroastro dos sumerios, civilización da que se cre que proveñen a maior parte dos ritos asociados a este solsticio—. Baixo a crenza de que a súa calor e a súa luz lle darían enerxía ao astro rei para que non fose derrotado pola noite —do que deriva a festa que ten lugar seis meses máis tarde, co solsticio de inverno, na que o Sol é proclamado vencedor—.

Curiosidades históricas: el solsticio de verano — Omnivoraz

Unha vez que xa coñecemos a base desta celebración, toca facer un repaso de como evolucionou culturalmente ata chegar á que hoxe chamamos noite de San Xoán. As migracións humanas de raíz indoeuropea polo territorio eurasiático derivaron na aparición de diversas culturas e civilizacións que desenvolveron, cada unha á súa maneira, os ritos do solsticio de verán. Na cultura celta a festividade dividiuse en dúas: por un lado, a Beltane, que se celebraba o 1 de maio con grandes cacharelas, para venerar a unión do ceo e a terra que daba lugar á extraordinaria fecundidade da primavera; ademais, este día marcaba o momento no que as colleitas invernais debían estar recollidas. E, por outro, o solsticio, arredor do 20 de xuño, unha festa na que se lles pedía aos deuses e aos espíritos menores da natureza a fertilidade das terras e das parellas. Posto que para os celtas celebrar a unión das parellas na noite de Beltane era unha ofensa aos deuses, as que se formaran naquela festividade uníanse nesta data, que, pola súa vez, establecía o límite temporal para a sementeira dos cultivos estivais. Esta división e o aparente adianto dos ritos do solsticio ao primeiro de maio tamén veñen dados pola latitude que ocupaban os celtas, pois as datas de sementeira e de recolección non eran as mesmas que na antiquísima Sumeria.

Na cultura clásica —Roma e Grecia—, os festexos do solsticio de verán tiñan grande importancia. Os antigos gregos celebraban o inicio dun novo ano e as Bufonias, nas que se veneraba a Zeus con sacrificios e a Prometeo —o dador do lume en contra dos deuses— con cacharelas cargadas de leña verde e graxa, para xerar tanto fume que chegase ata o Olimpo e os deuses non esquecesen a existencia dos homes. A maiores, este era o mes dos sacrificios e a adoración a Deméter, deusa da agricultura que, malia ser a miúdo esquecida pola historia mitolóxica, foi das máis veneradas. Na antiga Roma, desde tempos da monarquía e ata o establecemento do cristianismo, no día do solsticio celebrábase a voda entre os reis do panteón romano, Xúpiter e Xuno —da cal toma o seu nome o mes de xuño tamén na nosa cultura—, e durante esa noite non se durmía, pois a alegría dunhas sementeiras finalizadas e dunhas prometedoras segas enchía a cidade de xente con ganas de festexar. Acendíanse lumes para dar forza a Xúpiter —deus identificado co Sol— e que o seu decaemento ata o solsticio de inverno non fose total, de xeito que propiciase unhas boas colleitas. O 24 de xuño —o noso San Xoán— era o día do deus Xano —é curioso ver que ata no nome se semellan—, señor dos solsticios e amo das portas, xa que na crenza grecolatina o solsticio de verán era a porta pola cal os homes pasaban ao mundo dos deuses, mentres que no solsticio de inverno o proceso invertíase.

Curiosidades históricas: el solsticio de verano — Omnivoraz

Coa chegada do cristianismo, a variedade de ritos e festexos asimiláronse baixo o xugo dunha relixión que pretendía impoñerse ata nas festas máis arraigadas.

Coa chegada do cristianismo, a variedade de ritos e festexos asimiláronse baixo o xugo dunha relixión que pretendía impoñerse ata nas festas máis arraigadas, e á que non lle quedou máis remedio que suplantar e facer seus todos estes rituais. Para a festividade do San Xoán apoiouse nun pasaxe do Evanxeo de Lucas no que narra que Zacarías, pai de San Xoán Bautista, sentiu tanta alegría ao nacer o seu fillo de Isabel, a súa muller xa anciá e supostamente estéril, que se dedicou a acender cacharelas polos arredores da súa casa para que todos os veciños fosen coñecer o milagre da boa nova. Só faltaba establecer unha data. Mentres que o calendario solar da cultura maia contaba o tempo á perfección, de maneira que os equinoccios e os solsticios tiñan lugar o mesmo día anualmente, a imperfección do calendario lunar, con anos bisestos para readaptar o desfase de días, fai que os cambios de estación varíen dun ano a outro. Así, ante a imposibilidade de fixar a festa do santo Bautista ligada ao solsticio de verán —debido a esa variación—, impúxose a celebración do San Xoán o 24 de xuño. De aí que as cacharelas se acendan á medianoite, coincidindo co final do día seguinte ao solsticio máis tardío —aínda que ultimamente as présas por festexar nos teñan levado a prender o lume horas antes—.

En definitiva, queridos omnivoraces, tal e como acabades de ler, o San Xoán é unha mestura de ritos ancestrais procedentes de diferentes culturas, as cales, simplemente, adoraban este día polo seu gran valor astronómico, xa que era unha axuda fundamental para poder proverse dos seus tan prezados alimentos. Unha noite unida á terra, ao ceo e ao tempo que marca un cambio de estación de vital relevancia ao longo de toda a historia da agricultura e ata o día de hoxe.