Curiosidades históricas: Séneca y los olivos — Omnivoraz

Curiosidades históricas: Séneca e as oliveiras

Un artigo sobre a orixe rural de Lucio Anneo Séneca.

Seguro que todos tedes oído falar de Séneca: escritor, orador, cuestor, pretor, senador, cónsul, titor de emperador e, por suposto, un dos máis grandes filósofos da antigüidade. Pero quizais nunca vos teñades preguntado como é posible que personaxes históricos como el puidesen chegar ao máis alto. Como podía permitirse unha persoa a dedicación exclusiva a filosofar, á carreira política ou, simplemente, a pensar? Sen dúbida, para poder levar unha vida cómoda o fundamental é o diñeiro.

É certo que a maioría desas grandes figuras obtiveron a súa riqueza, ben por herdanza —reis, duques, emperadores, liñaxes patricias, etc.— ou ben pola guerra; si, pola dura e cruel guerra. Xulio César, por exemplo, elevouse á cima do poder pola súas batallas nas Galias, coas que conquistou o territorio francés e os corazóns dos belicosos —e famentos de botín— romanos. Pola súa parte, Alexandre Magno preséntasenos historicamente como o único conquistador europeo dun imperio asiático opulento. E así unha infinidade de personalidades recollidas nos nosos libros de historia. Non obstante, na antigüidade existía unha terceira vía de enriquecemento —que actualmente se converteu na primeira—: obter dalgunha actividade lucrativa o suficiente diñeiro para poderes facer o que realmente querías. Sirvan de exemplos os Médici, os Sforza, os sufetes de Cartago ou o propio Craso en Roma. Esta foi a vía de ascenso de Séneca, pero debido a que?

Lucio Anneo Séneca procedía dunha familia acomodada, propietaria de grandes plantacións de oliveiras no que hoxe coñecemos como Andalucía, sobre todo en Xaén e Córdoba, de onde era oriúndo —Corduba—. Moitas familias da Bética enriquecéronse pola enorme exportación a Roma de ánforas cheas do que daquela —e aínda hoxe— era considerado como o mellor aceite de oliva do mundo. Aínda que o gran valor que os romanos lle daban ao dourado líquido propiciou que estirpes como a dos Séneca vivisen folgadamente, neste caso non se conformaron con esa vida disoluta, na que a elite era dona da terra e dos escravos que usaba para traballala, e irromperon con forza na política do Imperio romano. Igual que aquelas ánforas de aceite facían crecer o monte Testaccio un pouco máis cada ano, tamén a agudeza e a intelixencia de Séneca escalaron na sociedade de Roma ata alcanzar o máis alto.

A súa facilidade de palabra e os beneficios do aceite permitíronlle chegar ao nivel máis elevado ao que podía aspirar calquera home da súa condición no seu tempo.

Malia pertencer a unha familia con grandes posibilidades económicas, Lucio Anneo non posuía un apelido de renome que lle facilitase o acceso aos cargos públicos aos que quería optar, así que debía abrir camiño a empurróns na sempre intrigante Roma. Grande estudoso de distintas artes, destacou na retórica, a cal o levou a ser considerado polos seus contemporáneos como un dos mellores oradores da historia. A súa facilidade de palabra e os beneficios do aceite permitíronlle chegar ao nivel máis elevado ao que podía aspirar calquera home da súa condición no seu tempo.

O carácter rural e de provincia de Séneca provocoulle dificultades no seu camiño. Home íntegro e recto nos seus cargos, foi un dos máximos expoñentes do estoicismo xunto co emperador Marco Aurelio. Esa personalidade fíxose notar nos primeiros anos do imperium de Nerón —de quen foi mentor—, pois el era quen manexaba realmente un imperio que fora sacudido por dirixentes tales como Tiberio e Calígula. Tras este último megalómano, aínda que tivo un tempo de relativo esplendor con Claudio, a Roma custáballe volver á senda de Augusto, e foi este fillo de olivicultores de Corduba quen o conseguiu, demostrando ser un grande administrador. O seu logro foi loado polo propio Traxano, que se referiu a ese momento como o máis esplendoroso para o Imperio romano desde a morte de Augusto. As medidas adoptadas por Séneca, como a persecución da corrupción dos cargos públicos e os cambios na lexislación para baixar os impostos e facilitarlles o acceso ás terras a aqueles que desexaban traballalas, provocaron ese período óptimo, que rematou coa madurez de Nerón. Este emperador, rodeado de aduladores, buscou acusacións para librarse do filósofo, o que puxo en evidencia que non estaba preparado para o cargo que ostentaba e que, co tempo, levou a Séneca ao suicidio.

Nada diso tería sido posible sen o carácter provinciano de Séneca e sen os bos réditos que o aceite lle deixaba a esta familia da Bética, polo que podemos aseverar que, se non fose polas oliveiras, a humanidade tería perdido unha das mentes máis preclaras da súa historia. Lucio Anneo Séneca, á parte do seu talento para a retórica, demostrou que os valores da xente do campo encaixan á perfección na mellora do goberno de cidades e, como non, de imperios.


Fotos: Wikimedia Commons, zobby, Marco Centenaro, dimitrisvetsikas1969.