Curiosidades históricas: o roscón de Reis
Un artigo sobre unha sobremesa con moita historia.
Que teñen en común o xeneral cartaxinés Aníbal Barca, o rei francés Luís XV e un tontolaba? Neste artigo descubriredes como o roscón de Reis foi o seu eixe común.
Nos últimos días do ano 217 a.C., o xeneral cartaxinés Aníbal Barca enseñorábase da Península Itálica tras derrotar o cónsul romano Caio Flaminio na batalla do lago Trasimeno, grazas á súa nova táctica da media lúa envolvente. A poboación de Roma tremía ante o só nome de Aníbal, a cidade eterna estaba axitada. Nesta situación, o Senado romano nomeou ditador a Quinto Fabio Máximo, home de temperanza e gran retórica, á parte da súa ampla experiencia previa como cónsul, que sabía que a forma de acougar o pobo era con pan e circo. Así pois, tomou a decisión de estender a celebración das ofrendas e sacrificios a Saturno durante varios días, festividades que serían coñecidas a partir de entón como as saturnais —Saturnalia, en latín—.
Fabio encargoulles aos cociñeiros romanos crear novas comidas para estas festas, unha das cales era unha torta de trigo con anacos de figos secos e dátiles regada con mel. Con elas mantiña distraída a poboación mentres lle enchía o estómago a cargo do erario, e iniciaba a súa estratexia militar defensiva fronte ao temido Aníbal, cuxo exército o superaba en número. O cartaxinés contaba con case 50 000 soldados aos que había que alimentar, pero se Roma gastaba as súas colleitas en dar de comer ao seu pobo, evitaba que as tropas púnicas accedesen doadamente aos alimentos. Ao mesmo tempo que eses devotos romanos realizaban os seus sacrificios —tamén humanos— nas saturnais, ao ter o seu estómago cheo, Quinto Fabio Máximo evitaba revoltas —sabido é que case todas as revolucións da historia chegan por unha axitación social e, sobre todo, pola fame—. Esta guerra de desgaste foi apoiada máis tarde polo brillante xeneral romano Publio Cornelio Escipión «o Africano», que, cos seus grandes dotes de estratego, cortou a liña de subministracións de Aníbal desde Hispania para logo atacar a mesmísima Cartago e acabar coa derrota total dos cartaxineses na batalla de Zama.
Durante o século iii, en pleno auxe do Imperio romano e case esquecido o medo a Aníbal, empezouse a esconder unha faba dentro da torta de trigo e mel das saturnais, creándose unha especie de xogo no que quen a atopase pasaba a ser o señor da casa durante un día, fose cal fose a súa clase social. Deste xeito, o mundo volvíase do revés durante estas festividades e, se lles tocaba, os patricios tiñan que servir os seus escravos. Este costume perdurou durante moitos séculos, manténdose aínda coas invasións xermanas, o desmembramento do Imperio romano e a invasión musulmá, momento no que se perfeccionou a forma redonda do popular doce e, debido a que xa había séculos que a torta perdera o seu apelido de Saturnalia, empezou a recibir o nome de roscón.
Os árabes tamén modificaron o xogo da torta e engadiron no seu interior unha moeda como premio para quen a atopase, mentres que aquel que achase a faba debía levar á casa ou cociñar outra torta. Ademais, na parte comestible, os mestres reposteiros de Al-Ándalus engadíronlle á receita manteiga de améndoa e auga de azar. Con estes novos ingredientes, a torta estendeuse por toda a Península Ibérica —xa que tamén había mestres reposteiros musulmáns nos reinos cristiáns—, coa peculiaridade de que para os cristiáns se elaboraba con manteiga de porco —o que a facía máis calórica— e para os musulmáns con manteiga de améndoa.
Na cultura popular da época medieval, vemos que no Reino de Navarra quen atopaba a faba era chamado el tonto del haba, pola felicidade de achar o legume, pero tendo que pagar o próximo roscón. Esa expresión foise transformando co paso do tempo ata dar lugar á contracción que hoxe coñecemos como tontolaba. Foi neste período cando a forma da torta comezou a ter un oco no seu interior que, xunto cos figos e dátiles esparexidos sobre ela como pedras preciosas engastadas e o ton dourado do baño de mel, facían que simulase unha coroa case á perfección, de aí que o seu nome fose derivando en «roscón do rei».
A «monárquica» sobremesa non sufriu máis modificacións ata comezos do século xviii, cando Luís XV herdou a coroa de Francia á idade de cinco anos. Como o rei-neno se aburría habitualmente na corte, o seu cociñeiro persoal —de orixe aragonesa— quixo crear un doce que fixese as delicias do seu padal e conseguise espertar a súa imaxinación, así que tomou a receita daquel coñecido roscón e engadiulle ovos e azucre. Ademais, para maior deleite do pequeno soberano, escondeu dentro dela unha figuriña dun rei que permitía ser monarca por un día a aquel dos seus compañeiros que a atopase, e a Luís XV ser só un neno. O cociñeiro encargábase de que isto sucedese sempre así.
Inicialmente, o roscón do rei consumíase durante todo o Nadal. Co paso dos séculos e o establecemento do 6 de xaneiro como data da adoración dos Reis Magos de Oriente, converteuse na sobremesa típica desta celebración e pasou a denominarse «roscón de Reis».
O roscón de Reis seguiu evolucionando segundo os gustos do momento. Aínda que algúns cambios chegaron aos nosos días, outros quedaron no camiño. Pero o que si chega cada ano por Reis, xunto co roscón, é a ilusión creada por un xogo que, mesturado con este rico doce, fai as delicias das nosas sobremesas durante os primeiros días do ano. Polo tanto, e mesmo a risco de quedar como un tontolaba, debemos dar grazas a Aníbal por asustar tanto a Roma, e a un aburrido Luís XV buscando un entretemento.