Curiosidades históricas: a primeira folga da humanidade
Un artigo sobre a reivindicación dos dereitos dos traballadores.
Neste artigo remontámonos tres milenios e medio, ata o antigo Exipto, para coñecer como a alimentación provocou a primeira folga de traballadores da historia. Co obxectivo de entender a importancia dos feitos acaecidos, comezamos por derrubar as falsas crenzas que a nosa sociedade ten sobre aquela gran civilización.
As grandes construcións exipcias, como as pirámides ou as esfinxes do Val dos Reis, entre moitas outras, non foron levantadas por escravos. Aínda que nalgún momento os faraóns botasen man desta mala práctica humana, o certo é que o funcionamento do sistema era moito máis complexo que o da escravitude. A maior parte da sociedade exipcia eran agricultores, pero, debido a que os seus ciclos de colleita estaban ligados ás crecidas do río Nilo, dispoñían de moito tempo libre ao longo do ano. Durante eses períodos de inactividade, a clase dirixente —nobres, sacerdotes e faraón— adoitaba atopar unha ocupación para esas mans ociosas —nunca foi bo para as elites ter o pobo desocupado e pensando—.
Por unha parte estaban as grandes guerras, nas que, aínda que non eran frecuentes, se podían realizar levas entre os agricultores en ocasións puntuais. Non obstante, a maior ocupación deste extracto social era a construción, que estaba promovida polo Estado, ou o que é o mesmo, polo faraón e o seu séquito. Promotor e, por tanto, pagador, o rei de Exipto encargáballes a obra aos mestres pertinentes, que, pola súa vez, contrataban estes campesiños. O salario variaba en función do traballo desempeñado, e as condicións de vida tamén. Por exemplo, os canteiros gozaban de máis dereitos que os carrexadores, ademais dun mellor soldo. A maiores, arredor da obra en cuestión levantábase unha pequena cidade-campamento, onde os asalariados durmían e na que tamén había panadeiros, barbeiros, médicos, etc.
Os faraóns que buscaban maior renome entre a súa xente tamén achegaban os servizos e o alimento aos empregados. Este foi o caso de Ramsés III, quen, tras a caída do Imperio hitita ao norte de Exipto e grazas á súa posición estratéxica entre o mar Vermello e o Mediterráneo, se lucraba co comercio de especias do sur. Co peto cheo, Ramsés deixouse levar pola febre construtora de templos, tumbas e palacios. De feito, no poboado construtor de Deir el-Medina —nome actual—, mesmo algúns agricultores abandonaron a súa antiga profesión para dedicarse en exclusiva á construción, moito máis lucrativa. Pero, cara ao ano 1166 a. C., había tempadas nas que a manutención para os obreiros se atrasaba entre quince e vinte días, o que levou os traballadores a un punto de inflexión que derivaría na primeira folga da historia.
En protesta polos atrasos, todos pararon de traballar e, ao veren que isto non solucionaba o seu problema, decidiron ir en masa ao palacio de Ramsés, o seu señor, para manifestarlle de primeira man o seu descontento. Nos escritos da época recóllense as súas protestas e demandas: «Temos fame e estamos sedentos», «Só traballaremos se se nos dá a nosa parte do pago en comida»… Aínda que o faraón escoitou as pregarias, realizara tantos cambios na Administración que o seu poder entre os altos cargos do imperio era tan fráxil como para ser vítima de varios intentos de asasinato.
O culpable da falta de comida en Deir el-Medina foi o visir de Tebas, que se dedicaba a acumular alimentos para especular ou, directamente, extorsionar. Pero a fraxilidade de Ramsés, sumada a esta corrupción —contra a que loitou ao longo de todo o seu reinado—, tivo como consecuencia a inacción, e cando o pobo non ten comida busca a vida como pode. Os tesouros enterrados cos seus faraóns convertéronse nun bo recurso para conseguir sustento, así que as profanacións de tumbas aumentaron bruscamente. Chegados a este punto, a poboación decatouse antes que ninguén —ao sufrila— de que esa corrupción levaría á súa fin o maior imperio do seu tempo. Ramsés III foi o último dos grandes faraóns exipcios; a partir dese momento, e ata as futuras invasións, todo sería costa abaixo.
A corrupción, sexa na época que sexa, sempre xera fame nos máis humildes e, sen dúbida, é a primeira das causas de que un país decaia ou se autodestrúa. Os traballadores exipcios foron os primeiros dunha longa lista de valentes que só reivindican o que é seu, o dereito a unha vida digna mediante un traballo honrado. Isto sempre é bo para calquera Estado, debido a que, cando non funciona así, o humilde sofre e o rico aumenta a súa riqueza, logrando que a economía estatal se estanque en manter esas fortunas á conta da suor da maioría, sen conseguir ningún avance social, económico ou científico.