Curiosidades históricas: el origen de la Navidad — Omnivoraz

Curiosidades históricas: a orixe do Nadal

Un artigo sobre a maxia do solsticio de inverno.

A nosa cultura celebra o Nadal a medio camiño entre o cristián, o pagán, o familiar e o consumismo típico destas festas. Todo iso xirando arredor do 25 de decembro, data do nacemento de Xesús de Nazaret que damos como válida, aínda sabendo que non o é. En calquera caso, é unha época do ano en que a felicidade nos embriaga e a maxia nos sostén. Ese encanto que nos fai flotar é o mesmo que durante milenios uniu todas as culturas do hemisferio norte na celebración do solsticio de inverno ou, o que é o mesmo, da noite máis longa do ano.

Actualmente non parece ter moito sentido celebrar a noite máis longa do ano, pero si o tiña para todas as culturas ancestrais. Ata hai poucos séculos, os nosos antepasados celebraban que o sol vencía a escuridade e que, despois de meses con días minguantes e noites crecentes, este proceso se invertía dando lugar a máis luz e máis calor, fundamentais para que todas as plantas reinicien o seu ciclo. Co fin de «atraer» eses dous elementos para favorecer o crecemento dos cultivos de cereais invernais, ofrecíanse oracións e sacrificios ao Sol en lugares como Stonehenge —conxunto megalítico cuxos elementos están perfectamente aliñados coa saída e a posta do Sol durante os solsticios de inverno e de verán—. Ao contrario do que a miúdo se cre, eses sacrificios non eran unha loucura de sangue ofrendada aos deuses, senón que tamén tiñan unha razón de ser moito máis poderosa: a comida era tan escasa en inverno que, durante o solsticio que marcaba o seu inicio, sacrificaban a maior parte dos seus animais para non gastar con eles os alimentos almacenados. Ademais, claro está, o frío estacional permitíalles conservar mellor a súa carne.

Ao mesmo tempo festexaban que o viño e a cervexa xa estaban fermentados, o que significaba que se podían empezar a beber sen medo a que se estragasen. E, para rematar unha data tan sinalada, esta época do ano tamén era o momento do apareamento de moitos animais, do cal sairían novos alimentos durante a primavera.

Curiosidades históricas: el origen de la Navidad — Omnivoraz

Ata hai poucos séculos, os nosos antepasados celebraban que o sol vencía a escuridade.

Por todo o anterior, podemos considerar que o festexo do solsticio ten unhas raíces moi agrícolas, algo que se viu favorecido coa chegada do óptimo climático —condicións de temperatura e choiva ideais para a agricultura—. Durante os séculos i e ii d. C., esta festa foi pasando de ser agrícola a urbana. Na Roma imperial celebrábase, entre o 22 e o 25 de decembro, o Festival do nacemento do Sol vitorioso, no que se rendía culto ao deus favorito dos seus lexionarios: o Sol Invictus, denominado así porque sempre renacía no solsticio. Co apoxeo do cristianismo e a decadencia imperial, as oligarquías cristiá e romana decidiron establecer a data do nacemento de Xesús de Nazaret coincidindo con esa celebración. A crenza na maxia do solsticio estaba tan arraigada que nin a propia Igrexa foi quen de suprimir esta festa, así que, como con tantas outras, o mellor que puido facer foi aproveitala no seu beneficio. Como o solsticio non coincidía o mesmo día todos os anos, finalmente estableceuse o 25 de decembro.

O que está claro é que nestas datas existe un factor común, presente ao longo da historia da Humanidade, que é a crenza en algo sobrenatural, divino ou etéreo que o envolve todo durante os últimos días do ano. Chamémoslle como lle chamemos —maxia, fe, ilusión, amor ou, simplemente, vacacións—, debemos desfrutar o noso particular solsticio de inverno, pois é o inicio dun novo ciclo vital para o campo, e quizais tamén para nós.


LE TAMÉN:

Curiosidades históricas: o turrón

Curiosidades históricas: el turrón — Omnivoraz