Curiosidades históricas: a orixe do boicot
Un artigo sobre a loita do campesiñado polos seus dereitos.
Na Irlanda de finais do século xix, a vida dos campesiños arrendatarios dos terratenentes era moi dura. Os nobres eran o brazo lexislativo das súas terras e exercían unha presión brutal sobre os seus parceiros, esixíndolles prezos cada vez máis altos pola terra ou ameazándoos con rescindir o seu contrato se non pagaban ata o último penique.
Como brazo executor, dispoñían de homes, xeralmente sen escrúpulos, que ocupaban o posto de capataz das súas parzarías. Aínda que todos eran duros cos arrendatarios, entre eles sobresaíu Charles Cunningham Boycott, que entrou ao servizo do conde de Erne en 1880, no condado de Mayo. Este británico trataba os campesiños con tanta crueldade que, nos seus primeiros meses no posto, un grupo negouse a entregar a renda anual aducindo que xa era bastante pagamento ter que agasallar cos seus propios alimentos, obrigatoriamente, o capataz e o conde. Boycott era o prototipo de home que, ademais de realizar o seu traballo, exercía de cacique, de tal maneira que non era ben recibido en ningún lugar do condado, no que, en pouco tempo, ninguén quería pagar as súas rendas.
Posto que a maioría dos seus arrendatarios eran católicos, Boycott tivo a «brillante» idea de desafiuzalos a todos e levar campesiños protestantes do Úlster, porque estaba convencido de que o protestantismo inspiraba o sentido do traballo duro e a submisión para cos superiores máis que o catolicismo. Aínda así, necesitou a Policía Real para poder recoller os froitos da súa decisión en boas condicións, pois nin protestantes nin católicos estaban dispostos a aturar a súa crueldade.
Con todo, Boycott fora demasiado lonxe e o propio exército de policía inglés encargouse de trasladalo para tentar poñer paz no condado de Mayo, pero as noticias corrían rápido por Irlanda e ningún campesiño o quería como capataz, nin tampouco comprarlle ou venderlle ningún tipo de produto. A súa fama chegou tan lonxe que en novembro de 1880 o xornal londiniense The Times acuñou o termo boycotting —boicotear—, tanto para definir a acción daqueles campesiños irlandeses que só querían traballar e vivir como para, en diante, ser empregado co significado que hoxe coñecemos.
É certo que a actitude de Charles Cunningham Boycott excedeu a da maioría dos capataces cos que os nobres controlaban as súas terras, pero tamén que a maioría deses terratenentes tiñan aos seus arrendatarios en condicións de semiescravitude. O boycotting do condado de Mayo prendeu unha mecha que tardou anos en apagarse; estendeuse pola illa e máis arrendatarios usaron esa estratexia contra a nobreza para mellorar as súas condicións de vida. A sementeira facíase nas condicións marcadas polo dono das terras, pero a colleita boicoteábase para negociar as rendas. Pola súa parte, o Parlamento de Londres esixíalles cada vez máis tributos aos nobres de Irlanda para poder batallar nas súas múltiples guerras decimonónicas.
A pinga que fixo rebordar o vaso foi o estalido da Primeira Guerra Mundial, durante a cal, á parte de subirlles os impostos aos nobres, o Imperio británico organizou levas forzosas en Irlanda, despois de ter prometido non facelo. Este feito elevou a tensión ata tal punto que á rebeldía dos parceiros se sumou a dunha parte dos terratenentes, que vían como se incrementaban os seus tributos mentres descendía a súa man de obra. Isto desembocou no inicio da Guerra de Independencia irlandesa, tan só trinta e nove anos despois do xurdimento do boycotting, a cal culminou cunha partición da illa: unha grande Irlanda independente e o Úlster protestante no norte, que seguiría baixo o dominio do imperio.
Máis alá da orixe dun termo que deu un xiro de cento oitenta graos na súa acepción inicial, debido a que actualmente son as industrias as que boicotean aos campesiños, este anaco de historia pon de manifesto, unha vez máis, que o poder soamente reside onde cre a maioría, non onde uns poucos nos din que está. Os campesiños irlandeses creron no seu poder, e así o exerceron para gañar algo máis que unha miserable mellora nas rendas que debían pagar.