El caballo y el olivo — Omnivoraz

O cabalo e a oliveira

Unha lenda sobre a orixe do nome de Atenas.

Conta unha vella lenda que na antiga Atenas, moito antes de que os grandes filósofos pisasen as súas rúas, tantos anos atrás que a propia cidade aínda non tiña nome, dous deuses disputaban entre si ser o protector e dono desta urbe da Ática.

Atenea e Poseidón paseaban entre os mortais, falando con eles e tentando gañar o seu aprecio, pero esta competición entre ambos os dous provocaba enfrontamentos entre os homes e terribles discusións no Olimpo. Pasado un tempo, e vendo a situación, Zeus decidiu intervir. Reunindo a Poseidón e a Atenea cos habitantes da urbe, chegaron a un acordo: cada un dos deuses crearía algo útil para a vida dos homes, e estes, tras recibiren eses dons divinos, serían os que, xunto con Zeus, escollerían o deus que mellor agasallo lles dese.

Transcorridos uns meses, chegou o día sinalado por Zeus para a presentación dos agasallos. En primeiro lugar, Poseidón amosoulles un precioso corcel negro que resplandecía coa luz do sol e díxolles: «Isto é un cabalo. Poderedes montalo para desprazarvos máis rápido; tirará dos vosos carros; aliviaravos nas tarefas do campo; será unha arma moi importante na guerra; e incluso poderedes comer a súa carne, pois non é semellante a ningunha que teñades probado». Mulleres e homes alí presentes estalaron de xúbilo ao escoitar estas palabras. Parecía que xa estaban decididos a que a súa cidade fose bautizada co nome de Poseidón, cando interveu Zeus: «Malia que o presente de Poseidón é espectacular, debemos escoitar tamén a Atenea».

Dando un paso adiante, a deusa sacou da súa bolsa unha pequena e retorcida rama dunha árbore descoñecida, con pequenas follas verdes e aspecto fráxil, e dirixiuse ao xentío: «Isto é unha oliveira. Faravos traballar duro para coidala; non poderedes levala á guerra, pois de nada vos serviría; non se moverá, pero as súas raíces alimentarana durante centos de anos; daravos olivas moi saborosas para comer, e delas poderedes extraer aceite co que mellorar a vosa alimentación e a vosa saúde. Se o coidades ben, ese aceite transformaravos en grandes comerciantes, pois non haberá pobo no mundo que non o desexe, e dese comercio obteredes grandes beneficios. Pero o máis importante é que poderedes empregalo para alumar as vosas noites nas casas e, sobre todo, no camiño, de xeito que, cando vos atopedes nunha encrucillada, a súa luz vos iluminará o camiño correcto». Fíxose o silencio, o propio Zeus quedou marabillado e a votación foi unánime.

Así foi como, desde aquel intre, a cidade recibiu o nome de Atenas e, grazas á oliveira, tamén se fixo cun nome no mundo.