Curiosidades históricas: el equinoccio de primavera — Omnivoraz

Curiosidades históricas: o equinoccio de primavera

Un artigo sobre a historia dunha data clave.

Ás portas do equinoccio de primavera, contámosvos por que desde a antigüidade este momento do ano foi, e aínda é a día de hoxe, de grande importancia para a agricultura, a gandaría e, por extensión, para a historia da humanidade.

Para empezar, é preciso explicar que é o equinoccio de primavera. Simplificando moito a parte científica, podemos dicir que é o intre do ano no que, pola posición da Terra con respecto ao Sol, o día e a noite teñen a mesma duración. No hemisferio norte as horas de luz diúrna fóronse incrementando desde o solsticio de inverno, e seguirán a facelo ata o solsticio de verán. Este momento marca o cambio de estación —de inverno a primavera— e, no calendario, varía entre os días 19 e 21 de marzo. Precisamente porque a posición da Terra na órbita solar provoca unha diminución das horas de escuridade e un aumento das temperaturas, este equinoccio ten unha gran repercusión nas actividades agrogandeiras.

Na Prehistoria, hai uns 12 000 anos, os seres humanos que vivían no hemisferio norte xa eran conscientes da importancia do equinoccio de primavera, pois sabían que se iniciaba un tempo de alegría para os seus maltreitos e baleiros estómagos. Co desxeo das neves, as plantas abrollaban e os herbívoros regresaban ao campo, multiplicándose cos partos que se sucedían durante esta tempada. O día comezaba a gañarlle horas á noite e aveciñábase un inminente período de abundante caza, á que poderían dedicar máis tempo, así que, para repoñer forzas tras o duro inverno, alimentábanse dos ovos que, cal agasallo divino, poñían as aves migratorias procedentes do sur. Ademais, a partir dese momento, comezaba a estación na que as plantas crecían e as árbores daban os seus froitos, polo que a época de recolección de froitos silvestres estaba próxima.

Na Prehistoria, os seres humanos que vivían no hemisferio norte xa eran conscientes da importancia do equinoccio de primavera, pois sabían que se iniciaba un tempo de alegría para os seus maltreitos e baleiros estómagos.

Todas as penurias invernais esquecíanse e, pouco a pouco, o ser humano empezou a adorar a Nai Terra, que, coa chegada da agricultura, propiciou o asentamento da civilización, por cuxa influencia se foi convertendo nunha divindade máis humana e menos espiritual. Así, pasouse de dar grazas á primixenia Gaia polos seus agasallos en forma de alimentos, a pedirlle á deusa Ishtar a bendición e fertilidade das súas colleitas. Esta deidade, adorada baixo distintos nomes en Babilonia e as demais culturas adxacentes, foi adquirindo máis atributos, sendo considerada deusa do amor, a beleza, a vida e, por suposto, a fertilidade.

Curiosidades históricas: el equinoccio de primavera — Omnivoraz

Esa mitoloxía estendeuse por máis territorios, modernizándose co paso do tempo. No Exipto faraónico, a deusa Isis herdou todo o aparato de Ishtar, pero cun toque máis sofisticado. Seth, un deus do inframundo, matara e cuarteara o seu irmán e amante da deusa Isis, o deus Osiris, inventor e dador da agricultura e a relixión, pero o gran poder rexenerador de Isis, deidade da fertilidade e a vida, resucitou o seu amado. Fixémonos neste mito: o deus Seth —escuro e cruel como o inverno— mata e cuartea a Osiris —a agricultura, a forza que fai producir á terra—, pero Isis —a fecundidade, o amor, a beleza, ou o que é o mesmo, a primavera— resucita a esa forza produtora de alimentos —Osiris—. A evolución desta mitoloxía foi distinta nas diversas culturas e relixións precristiás, pero conservou a mesma base, creándose así múltiples mitos arredor do equinoccio de primavera baseados na resurrección de deidades salvadoras da humanidade. De feito, é moi posible que hoxe en día isto nos soe bastante polas celebracións da nosa propia cultura.

Tamén podemos observar a relevancia do equinoccio de primavera na Roma imperial. Para aqueles romanos este era o día no que comezaba o novo ano, pois consideraban que así debía ser: con fertilidade nas terras e as colleitas medrando. Os xudeus desa época celebraban a Pascua —tamén chamada Festa de Primavera—, e o cristianismo herdou deles a súa propia Pascua de Resurrección —un mito moi recorrido por todas as relixións nestas datas—. Isto supuxo un problema para a Igrexa romana nos seus inicios, posto que non eran capaces de singularizar a súa festividade fronte á xudía debido a que os ritos practicados eran moi similares e, ás veces, celebrábanse dúas no mesmo ano e ningunha no seguinte. Nin unha nin outra relixión estaba contenta coa situación, pero todo isto cambiaría co Concilio de Nicea no ano 325 d. C., no que se estableceron normas para diferenciarse dos xudeus, como a de nunca celebrar máis dunha Pascua no mesmo ano. Aínda así, tendo quedado algunha dúbida, no ano 525 d. C. Dionisio o Exiguo creou o cálculo do anno Domini —«no ano do Señor»—, co que convenceu as distintas igrexas da época —a romana e as ortodoxas de Alexandría, Constantinopla e Armenia— para establecer unha data fixa para a Pascua de Resurrección, que sería o primeiro domingo inmediatamente posterior á primeira lúa chea tras o equinoccio, mentres que a Pascua xudía comezaría xusto a primeira noite de lúa chea despois deste.

Isto chegou ata os nosos días, e é o que explica que a Semana Santa non coincida no tempo anualmente, pois vén fixada polo equinoccio de primavera e polo ciclo lunar. Non obstante, non deixa de ser una celebración orquestrada arredor desta data clave que, igual que outras do pasado, nos fala de como conseguimos a resurrección da vida a través dun sacrificio «invernal». Nin máis nin menos que o ciclo vital de todos os seres vivos, no cal, para que a primavera floreza, antes cómpre ver como o inverno paraliza a vida arredor deste momento de transición, o máis importante do ano para a agricultura. Agora ben, neste punto non se pode obviar o efecto que o tan —inexplicablemente— discutido cambio climático está tendo sobre a actividade agraria. Os que traballan no agro coñéceno perfectamente, pois xa no poden prever as sementeiras nin as colleitas ao encontrarse con clima invernal en primavera e viceversa. Se mesmo despois de coñecer a historia pensades que isto sucedeu sempre, convidámosvos a achegarvos a pé de campo —nunca mellor dito— e conversar con eses homes e mulleres que, xeración tras xeración, viviron e viven realmente conectados coa natureza.