Curiosidades históricas: Enriqueta Otero Blanco — Omnivoraz

Curiosidades históricas: Enriqueta Otero Blanco

Día Internacional das Mulleres Rurais.

O Día Internacional das Mulleres Rurais, que se celebra o 15 de outubro, foi establecido polas Nacións Unidas co obxectivo de recoñecer o inestimable labor social e de seguridade alimentaria que realiza case a metade da poboación rural do mundo. Unha xornada de conmemoración, pouca cousa, sen dúbida, para unha parte tan importante da sociedade asentada no rústico: avoas, nais, fillas, esposas ou compañeiras e, sobre todo, incansables traballadoras anónimas, sen voz en demasiadas ocasións.

Non obstante, as mulleres rurais non son só aquelas que traballan a terra coas súas mans, senón que hai moito máis tras esas dúas palabras que, malia seren significativas por si soas, xuntas representan un factor imprescindible para o desenvolvemento de calquera país. Tamén son mulleres rurais todas e cada unha das que se esforzan polo mantemento ou o avance deste ámbito —a miúdo tan esquecido— nun amplo abano de actividades cruciais dentro e fóra das fronteiras do agro. Entre esas silenciadas tarefas destaca con forza a ensinanza, á que se dedicou Enriqueta Otero Blanco, mestra de vocación e indomable de corazón. Neste artigo contámosvos a súa historia, conscientes de que estas liñas quedarán curtas para unha muller de enorme espírito e maiores conviccións.

Enriqueta Otero naceu o 26 de febreiro de 1910 no municipio lucense de Castroverde. Desde moi nova amosou decisión nos seus actos e unha gran paixón por ensinar a outros os seus coñecementos. Tras finalizar os seus estudos en Lugo exerceu como profesora na escola de San Cosme de Barreiros, onde non se conformou con ser unha mestra ao uso, así que en pouco tempo creou a compañía de teatro O Punteiro do Carrinho. Coas súas representacións na Fonsagrada, Corcoesto, Montefurado, Santo Estevo de Gormaz, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Cabana de Bergantiños levou a cultura alí a onde era máis difícil e necesaria.

Despois duns marabillosos anos como mestra, actriz, directora e quen sabe cantas profesións máis, aprobou as oposicións de maxisterio, que a levarían a un destino moi diferente a todo o que vira ata daquela: Madrid. Mentres desempeñaba sobradamente o seu traballo na capital española, comezou a achegarse ás raíces da cultura madrileña de preguerra; un intercambio de ideas tras o que decidiu ingresar no Partido Comunista de España —PCE—. Na plenitude da súa carreira profesional tivo lugar o golpe de Estado, coa consecuente Guerra Civil; pero como Enriqueta non era muller covarde, e menos aínda unha persoa que vise pasar a acción, enrolouse na 1.ª Brigada Móbil de Choque, coa determinación que a caracterizou toda a súa vida, defendendo as súas ideas e loitando contra un fascismo que traía entre as súas pretensións apagar o lume co que brillaba o movemento feminista, do que ela formaba parte. Lonxe da súa terra e nun medio que non era o seu, colleu con forza o posto de coordinadora no hospital de Carabanchel para o que foi designada, no que se desenvolveu con gran pericia. Tamén neste aspecto se pode apreciar a influencia da súa orixe, buscando o práctico e funcional —como unha casa de campo en Castroverde—. A súa valía fíxolle acadar o rango militar de comandante e durante os últimos meses da guerra foi recluída no madrileño cárcere feminino de Ventas, do que fuxiu capitaneando un grupo de reclusas nunha fuga que a levaría de regreso ao seu medio: o rural galego.

Curiosidades históricas: Enriqueta Otero Blanco — Omnivoraz

Enriqueta vagou por España, de prisión en prisión, durante dezanove anos, ata que en 1966 foi liberada e se lle restituíu o seu posto de mestra, xusto un ano antes da súa xubilación.

Enriqueta non se acovardou ante a vitoria do bando nacional e a represión que se impoñía. Foi colaboradora e peza fundamental para a vertebración da guerrilla dos maquis como resistencia galega ante o rolete fascista no país, pero en San Valentín de 1946 foi apresada e condenada a morte pola policía do réxime franquista. Cando todo parecía perdido para María das Dores —o seu nome de guerra—, o ditador Francisco Franco, ante a presión internacional e sen os seus derrotados aliados Hitler e Mussolini, viuse obrigado a conmutar a súa pena. Así, vagou por España, de prisión en prisión, durante dezanove anos, ata que en 1966 foi liberada e se lle restituíu o seu posto de mestra, xusto un ano antes da súa xubilación.

Durante a súa curta reincorporación á educación puxo en marcha un proxecto educativo chamado «O Carriño», que consistía en transmitirlles coñecementos universitarios a todas aquelas persoas que, por falta de medios, non podían acceder a ese nivel da ensinanza. A sede desta iniciativa ambulante estaba nunha palloza do parque lucense Rosalía de Castro.

Non contenta con todo o que levaba ás costas, presentouse como candidata ás primeiras eleccións democráticas ao Parlamento polo PCE, do cal se foi separando progresivamente por diferenzas fundamentais para ela.

O 31 de outubro de 1989 falecía no hospital de Lugo esta incrible muller, recordada por ter sido a secretaria persoal de Dolores Ibárruri «A Pasionaria», pero que foi iso e moito máis, unha moza que só desexaba ver un rural onde a educación non fose unha quimera. Enriqueta Otero fixo todo o posible e o imposible por levar a cabo o que mellor se lle daba, ensinar, pero viu truncada a súa misión por unha guerra da que non escapou e un réxime contra o que loitou sen máis escudo que os seus ideais. Unha muller rural á que, ideoloxías políticas á parte, todas e todos deberiamos render tributo.