Curiosidades históricas: a carta de Edward Jenner a Napoleón Bonaparte
Un artigo sobre as decisións políticas, ou cando a saúde importa máis que as diferenzas.
Como vos contamos nun artigo anterior, o inglés Edward Jenner descubriu a maneira de inmunizar o ser humano contra a varíola, converténdose no creador da primeira vacina da historia, e do protocolo polo cal se desenvolverían posteriormente outras moitas.
No contexto das guerras napoleónicas, este médico rural, poeta e naturalista expuxo ao mundo os seus achados e compartiunos gratuitamente coa comunidade científica internacional. Mentres Napoleón Bonaparte mantiña unha guerra encarnizada contra os ingleses, as nais dos soldados anglosaxóns pedíronlle ao xa recoñecido doutor que lle solicitase ao emperador dos franceses a liberación dos seus fillos, apresados no continente.
Jenner accedeu e, como ante todo era médico, escribiulle unha carta a Napoleón na que o instaba a vacinar todo o seu exército, para evitar que a varíola se estendese por Europa e que os seus soldados morresen a causa da enfermidade, pedíndolle a cambio a liberación dos soldados do bando contrario. A resposta do estadista francés non se fixo esperar e proclamou a liberación inmediata daqueles ingleses, ao tempo que afirmou: «Non lle podo negar nada a un dos máis grandes benfeitores da humanidade».
Esta é unha desas partes da historia da que os nosos políticos deberían aprender, e recordala sempre antes de abrir a boca para enfrontarse por cuestións que afectan á saúde pública, máis aínda en plena pandemia. Se dous países contendentes na guerra máis dura xamais vista ata o século xx puideron chegar a acordos a través dun médico rural, o partidismo debería relegarse a un segundo plano polo ben común e, quizais, escoitar máis a voz do campo e da ciencia. Talvez así poderían chegar a ser o que se supón que pretenden: auténticos líderes sociais.