Curiosidades históricas: el origen del Carnem-levare o carnaval — Omnivoraz

Curiosidades históricas: a orixe do carnem-levare ou Carnaval

Un artigo sobre a historia da festa pagá por excelencia.

Neste artigo retrocedemos á orixe desta popular festa que afunde as súas raíces no máis profundo e brumoso da historia.

Os inicios do Carnaval remóntanse, probablemente, aos albores da civilización, pois atopamos indicios de celebracións similares, hai máis de 5000 anos, na antiquísima Sumeria ou en Exipto, onde os festexos en honor do touro Apis —deus solar da fertilidade e heraldo de deuses maiores— eran moi similares aos de hoxe, con xente disfrazada e un certo desenfreo. Pero, sen dúbida, onde encontramos unha orixe do Carnaval actual é nas festividades grecorromanas, como as saturnais, as bacanais e as lupercais —Saturnalia, Bacchanalia e Lupercalia, en latín—. O Carnaval herdou, por dicilo dalgún xeito, elementos de todas elas que, co discorrer dos séculos, se foron transformando no que coñecemos actualmente.

Nas saturnais —como o seu propio nome indica— pedíase a Saturno a bendición das sementeiras invernais, preparándose para abandonar a mingua dos días e recibir o solsticio de inverno. Eran unha das festas máis concorridas na Roma arcaica, xa que era unha cidade eminentemente agrícola e, ao rematar as sementeiras, os atarefados agricultores tiñan tempo para a celebración e o descanso. Coa Roma imperial foron transmutando nunhas festas máis urbanas, nas que, mediante xogos, como o da faba escondida nunha torta de trigo —no cal aquel que a atopase pasaba a ser o señor da casa por un día—, se vían patricios disfrazados de escravos e viceversa. Co tempo, case todos os romanos aparcaban as súas brancas togas para vestir con chamativas cores. Disfrazábanse do que non eran durante o resto do ano.

As bacanais eran festividades en honor de Baco —deus da fecundidade e do viño—, para as que as sedas chegadas de Oriente foron un gran condimento. Nelas comíase e bebíase sempre en exceso, e as orxías sexuais estaban á orde do día. Nun principio foron moi discutidas, porque eran celebradas por e para as mulleres que, durante a adoración a Baco, se permitían a si mesmas facer o que os homes xa podían facer durante todo o ano. Isto era algo inaceptable en Roma, unha sociedade tan machista que axiña comezou a elucubrar a teoría de que nesas festas se ideaban plans políticos, traizóns e demais, polo que acabaron sendo menos privativas e máis suaves.

No século iv, coa persecución cristiá do pagán, as bacanais fusionáronse con certos elementos das saturnais na celebración das lupercais, que tiñan lugar o día 15 do romano mes de febreiro. Este festival era unha mascarada na que os mozos —chamados Lupercos— sacrificaban un castrón no Lupercal, a gruta sagrada dedicada a Luperco —deus protector da fertilidade e dos rabaños— na que Rómulo e Remo foron aleitados pola loba. Aproveitaban a pel do animal para confeccionar uns taparrabos —única vestimenta que portaban— e unhas tiras de coiro que usaban a modo de azoute —as Februa, que deron nome ao mes de febreiro—. Con esa indumentaria, internábanse en Roma pola Vía Sacra, en dirección ao foro, e ían azoutando todo cidadán que se lles poñía por diante —sobre todo mulleres, pero tamén homes— como un acto de purificación que aseguraba a fertilidade dos azoutados. Moi posiblemente, os tradicionais peliqueiros de Laza e os cigarróns de Verín —ambas vilas da provincia de Ourense, famosas polos seus Carnavais tradicionais— derivan daqueles Lupercos, pero cunha sutil impregnación da cultura céltica.

Curiosidades históricas: el origen del Carnem-levare o carnaval — Omnivoraz

Malia ser certo que case todas as festividades de hoxe en día proveñen do paganismo, dise que o Carnaval é a festa pagá por excelencia.

Malia ser certo que case todas as festividades de hoxe en día proveñen do paganismo, dise que o Carnaval é a festa pagá por excelencia. De feito, no mesmo século, fronte ao que aínda hoxe cataloga como unha «festa non católica» e nas súas ansias de traer a cordura ao pobo, esta Igrexa estableceu, xusto despois do Carnaval, a celebración da Coresma —tempo de preparación para a Pascua, de xaxún, penitencia e recollemento, no que se conmemoran os corenta días que pasou Xesús no deserto e a súa loita contra as tentacións—. A postura católica suavizouse coas invasións xermanas, ao mesmo tempo que o Carnaval ía adquirindo máis tinguiduras de protesta contra unha Igrexa controladora que de adoración aos deuses pagáns.

Ante a imposibilidade de prohibir estes festexos, durante a Idade Media a Igrexa puxo en marcha a súa maquinaria de mercadotecnia e propuxo para eles o nome de carnem-levare, do latín vulgar, que significa «abandonar a carne». Curiosamente, este é un precepto de obrigado cumprimento para os cristiáns o día que comeza a Coresma —Mércores de Cinza— e todos os venres deste período. Posteriormente, o nome derivou na palabra «Carnaval». Durante o Renacemento, co bloqueo turco ao comercio con Oriente e coas inxentes e monumentais obras do Vaticano xa iniciadas, a necesidade de ingresos por parte da Igrexa propiciou a venda masiva de bulas. Deste xeito, quen puidese permitirse pagar a bula de carne —dispensa papal de non comela en certos días— podía infrinxir esa norma durante a Coresma.

Curiosidades históricas: el origen del Carnem-levare o carnaval — Omnivoraz

Nesa época tamén podemos atopar o porqué da gastronomía típica do Carnaval. Ante a súa incapacidade para pagar aquelas bulas, a xente do común usaba esta festa como diversión, protesta e escusa para comer a carne que non podería inxerir nos días de abstinencia. Ademais, cómpre lembrar que, na maior parte das zonas católicas, a carne conservada en salgadura durante o inverno non soportaba a chegada da calor. Isto reforza a teoría sobre a elección dos pratos característicos destas festas: ricos en carnes salgadas acompañadas das verduras de tempada. É o caso do cocido en Galiza, onde o Carnaval tradicional, chamado Entroido, ten grande importancia, xa que contribuíu a conservar a riqueza cultural das vilas rurais nas que se festexa, como Xinzo de Limia, Laza, Verín, Viana do Bolo ou a comarca do Ulla, entre moitas outras. As peculiaridades desta celebración en cada un deses lugares fixeron do seu un Entroido singular e inimitable. Desde Omnivoraz convidámosvos a coñecelos e a desfrutalos.

Malia as variacións que experimentou durante séculos, a base do Carnaval chega a nós máis ou menos intacta, xa que de día comemos un bo cocido, aderezado cos produtos típicos de cada zona, mentres que pola tarde-noite nos disfrazamos por diversión ou por protesta. Quizais esta última, nas súas distintas formas —segundo o lugar, e habitualmente satírica—, sexa o seu trazo máis característico.

Para rematar, se facemos un repaso rápido por esta historia, podemos afirmar que o Carnaval actual conserva os disfraces das saturnais, o desenfreo das bacanais, a data e algún elementos das lupercais, o seu carácter protestatario ante o poder hexemónico —no seu momento da Igrexa—, e a gastronomía na que se procura aproveitar os sans produtos da horta e as carnes salgadas que non poderán soportar a calor que se aproxima. Ou pode que, simplemente, teñamos sabido conservar un espazo das nosas vidas no que, grazas aos disfraces, podemos ser —isto é: comer, dicir, sentir e facer— o que non nos atrevemos a ser o resto do ano, sen as máscaras.