Paisajes deliciosos, deliciosos paisajes — Crónicas veterinarias — Omnivoraz

Paisaxes deliciosas, deliciosas paisaxes

Unha crónica veterinaria de Eneko Jetxanoff.

Procedente da costa, cargada de salitre e iodo, ascendía a brisa polo val bañado pola primeira luz do día. Os raios de sol facían que o orballo, adormentado aínda nas follas dos verdes prados, se evaporase e abrazase o vento costeiro, asolagándoo todo cunha sublime fragrancia estival.

Entraba a morna brisa pola xaneliña sen vidros, aloumiñando cada recuncho da fresca e escura estancia. Cos ollos aínda pechados, aínda que esperto, puiden sentir como ese aire quentiño, impregnado de arrecendos suaves, entraba polo meu nariz para deleitar todos os meus sentidos. E, aínda que estaba cómodo na miña cama brandiña, entráronme unhas ganas terribles de saír e almorzar ao aire libre.

Paisajes deliciosos, deliciosos paisajes — Crónicas veterinarias — Omnivoraz

«Aínda que estaba cómodo na miña cama brandiña, entráronme unhas ganas terribles de saír e almorzar ao aire libre».

Nos verdes pastos do occidente asturiano abrollaban variedades herbáceas que, aos ollos dun profano, eran simple e marabillosamente fermosas. Pero, dentro dese bosque de herbas, agochábase unha verdadeira farmacia que a miña nai controlaba á perfección. Numerosas gramíneas que, xunto á zumarenta veza, aumentan a absorción de proteínas; trevo vermello, rico en potasio, calcio, magnesio e fósforo, con propiedades cicatrizantes, diuréticas e de mellora circulatoria; cruzada, tan apropiada para a diarrea; berro de prado, para neuralxias e cistites; o salgueiriño, antibiótico e antidiarreico; menta, antipirética; grandes e zumarentas margaridas xigantes, boas para a asma, a tose e os catarros. Todo fresco, do día.

Paisajes deliciosos, deliciosos paisajes — Crónicas veterinarias — Omnivoraz

Podería seguir e seguir, pero, mentres o conto, xa estou a salivar. Ademais, á miña nai xa a están soltando para levala comigo aos Campos Altos —estes días estamos por aquí—. Alí ela, que como vos dicía coñece polo miúdo todas e cada unha das herbas que medran neste paraíso, vai encher o seu enooorme bandullo con todo isto do que estivemos falando para, así, poder darme o mellor leite do mundo… Que? Como? Hahahahahahaha! Si, son un xatiño! E ademais un deses afortunados aos que sacan diariamente a degustar os mellores manxares do Cantábrico, frescos como unha mañá de verán con sol e vento nordeste. Vaia, igualiño, igualiño que hoxe.