Claves para afrontar el coronavirus COVID-19 — Omnivoraz

Claves para afrontar o coronavirus COVID-19: hixiene, calma e responsabilidade individual polo ben común

Un artigo de María Val, DUE —Diplomada Universitaria en Enfermaría—.

Pandemia non é sinónimo de gravidade. Segundo a OMS —Organización Mundial da Saúde—, pandemia refírese á propagación mundial dunha nova enfermidade. Prodúcese unha pandemia de gripe cando xorde un novo virus gripal que se propaga polo mundo e a maioría das persoas non teñen inmunidade contra el. Tal é o caso do novo SARS-CoV-2 aparecido na China e responsable da actual pandemia de COVID-19.

Malia que as cifras e toda a información que recibimos estes días son de vertixe, e aínda que ambos os virus son bioloxicamente diferentes, quizais sexa un bo momento para achegar datos sobre como se comporta A NOSA gripe estacional. Segundo o Sistema de Vixilancia de Gripe en España, o seu impacto na campaña 2018-2019 deixou 490 000 casos leves atendidos en Atención Primaria, 35 300 hospitalizacións con gripe confirmada, 2500 ingresos en UCI e 6300 defuncións.

Estes datos pretenden levar á calma se os comparamos cos obtidos polo COVID-19 desde a súa aparición en España. Con todo, o SARS-CoV2 demostrou que pode transmitirse dunha persoa a outra con bastante facilidade, mesmo antes da aparición de síntomas, o que dificulta considerablemente as medidas de contención da epidemia.

De momento, a OMS estima que a taxa de contaxio —R0— do COVID-19 é de 1,4 a 2,5, aínda que outras estimacións falan dun rango entre 2 e 3. Isto quere dicir que cada persoa infectada pode pola súa vez infectar a entre 2 e 3 persoas; non obstante, viuse que pode haber «supercontaxiadores», capaces de contaxiar ata a 16 persoas. Para controlar unha epidemia, a R0 necesita diminuír por debaixo de 1. Precisamente por este motivo, apélase á responsabilidade individual á hora de seguir, de xeito estrito, as medidas de prevención establecidas polas autoridades competentes e que xa todos coñecemos.

Claves para afrontar el coronavirus COVID-19 — Omnivoraz

Lavar as mans con auga e xabón é unha medida de prevención esencial que serve para pechar a porta a bacterias, virus e fungos.

Destas medidas, debemos poñer en valor a máis básica de todas: a hixiene das mans. As mans compórtanse como un axente transmisor de primeira orde. Coas as mans tocamos todo. Ao tocar, imprimimos nelas unha «pegada microbiana» que trasladamos á seguinte persoa que tocamos, ou a nós mesmos cando entran en contacto coa nosa mucosa, ben sexa oral, nasal ou conxuntival.

Lavar as mans con auga e xabón é unha medida de prevención esencial que serve para pechar a porta a bacterias, virus e fungos. No entanto, para un correcto lavado das mans non abonda con enxaugarse baixo a billa. Este debe ser exhaustivo. Debemos prestar especial atención aos espazos interdixitais e ás unllas, cunha duración aproximada de entre 40 e 60 segundos. Con posterioridade, poderase aplicar un xel antiséptico, do mesmo xeito metódico descrito e efectuando un secado ao ar.

Outro aspecto importante é a hixiene respiratoria. Malia que se descoñece a epidemioloxía exacta do COVID-19, parece que a transmisión é por contacto estreito coas secrecións respiratorias que se xeran coa tose ou o esbirro dunha persoa enferma. O seu potencial de contaxio depende da cantidade do virus nas vías respiratorias. Estas secrecións infectarían outra persoa se entran en contacto co seu nariz, os seus ollos ou a súa boca. Para evitalo, recoméndase tusir ou esbirrar cubrindo a boca e o nariz coa parte interior do cóbado ou cun pano de papel —que se debe tirar de inmediato ao lixo—. Cos datos que se manexan na actualidade, parece pouco probable a transmisión polo ar a distancias maiores dun ou dous metros. Desde o Ministerio de Sanidade fan fincapé en que a utilización de máscaras de xeito indiscriminado non está indicado.

As máscaras axudan a previr a transmisión do virus se as levan as persoas que están enfermas, pero o seu uso inadecuado tamén se pode converter nun foco de transmisión. Se as vas empregar, presta atención ás especificacións técnicas de cada unha delas, á correcta colocación e ao tempo de uso. En termos xerais, non se deben reutilizar, e débense cambiar se están humedecidas, se sofren algún dano ou alteración, ou se a resistencia ao ar é excesiva. Os pasos para a correcta colocación e retirada deben seguirse de xeito estrito para non contaminar as mans ou a cara durante a súa retirada e, de ser así, procederase á súa eliminación e ao lavado con auga e xabón da zona exposta.

Por último, desde Omnivoraz queremos facer un chamamento á calma, ao uso responsable dos recursos, ao seguimento estrito das normas establecidas polas autoridades competentes e á responsabilidade, seriedade e disciplina individual. Viuse que a máis sinxela e útil das medidas preventivas é o lavado das mans, e que o uso inadecuado de dispositivos de protección pode converterse nunha arma de dobre fío. O 80% dos afectados presentan sintomatoloxía leve. Sigue as indicacións do teu médico e non te automediques. Lembra que o COVID-19 é unha infección vírica e que o tratamento antibiótico non está inicialmente indicado.

A ilustración que encabeza este artigo foi creada nos Centros para o Control e a Prevención de Enfermidades —Centers for Disease Control and Prevention, CDC—.

Etiquetas:
,